O curioso incidente do can a medianoite


Esta novela de Mark  Haddon é a primeira obra escollida polo Club de 1 ESO.

Christopher é un mozo con síndrome de Asperger, o que lle limita as habilidades sociais, a pesar da súa intelixencia. Unha noite é o primeiro en descubrir que Wellington, o can da veciña, foi asasinado. E a súa paixón polas novelas de detectives lévao a iniciar unha investigación para atopar o culpable. Ao tempo que fai pescudas, cuestionará a lóxica do mundo que o rodea e desvelará misterios familiares que van alterar a súa vida.

O libro está escrito a xeito de diario, de modo que o narrador adopta o particular punto de vista de Christopher, inzándoo das súas peculiares interpretacións. Combínanse episodios que amosan a sagacidade do protagonista con outros nos que se esforza por comprender claves elementais na interacción social, como poden ser as expresións do rostro ou a ironía. Consegue deste xeito que medre a nosa empatía cara a este rapaz tan especial.

A crítica tamén ten sinalado como punto forte da novela o uso da linguaxe, sempre axeitado ao contexto e a quen fala. E conséguese esa adecuación, ademais, cun estilo abraiante e aparentemente simple, o que contribuíu ao seu éxito entre a xente nova.

A obra recibiu en 2003 o premio Libro do Ano Whitbread, en 2004 o Premio para Escritores da Commonwealthen e en 2005 o premio ao Mellor primeiro libro para novos lectores e lectoras.

No orixinal inglés o título é The Curious Incident of the Dog in the Night-Time, en portugués O estranho caso do cachorro morto, en castelán El curioso caso del perro a medianoche e en francés Le bizarre incident du chien pendant la nuit.

Para saber máis sobre a historia, o autor e a síndrome de Asperger, recomendamos visitar esta anotación do Club A illa dos libros.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

OS AVENTUREIROS... Na torre da princesa