Nun dos clubs de lectura de 1.º ESO estamos a ler La lección de August, unha novela de R.
J. Palacio que desde a súa publicación non deixa de sumar lectores e
recoñecementos.
A novela cóntanos a historia de August, un rapaz cun rostro que o
fai distinto, aínda que el só desexa ser un máis. Camiña sempre mirando ao
chan, coa cabeza baixa, tratando en balde de agachar a súa cara; pero, aínda
así, é obxecto de miradas furtivas, murmurios e expresións de abraio. August
sae pouco, a súa vida transcorre entre as acolledoras paredes da súa casa,
entre a compaña da súa familia, da súa cadela Daisy e as incribles historias de
La Guerra de las Galaxias. Pero este
ano todo vai mudar, porque vai ir á escola por primeira vez. Alí aprenderá a
lección máis importante da súa vida, a que non se ensina nas aulas nin nos
libros de texto: crecer na adversidade, aceptarse como é, sorrir nos días
grises e saber que, ao final, sempre ha encontrar unha man amiga.
Nunha sesión do club, acompañáronnos algunhas compañeiras de 2.º
ESO A que xa leran a novela e compartiron con nós as súas impresións ao
respecto:
"Definitivamente, non
hai palabras suficientes para describir a historia de August. Non merece a
pena, senón a alegría. Non é un libro, é unha lección de vida." (Gloria Caamaño Vicente)
"Un libro conmovedor que
consegue abrir o teu corazón e ensinarche a importancia da amabilidade." (María Pardo Ventureira)
De momento, podemos asegurar con satisfacción que as altas expectativas
que todos estes datos e opinións nos xeraron, estanse a cumprir.
Paula F.
Comentarios
Publicar un comentario