Xesus Constela: "Cando escoito algo sorprendente, xa comezo a fabular"

O autor Xesús Constela, na xuntanza co alumnado do club de 1º de Bacharelato, deunos a súa visión dos relatos que integran "As humanas proporcións", contounos que elementos da realidade cotiá o inspiran e revelounos tamén os curiosos métodos de documentación que lle axudan a construír as súas narracións. 

"O sorprendente poboa as miñas narracións, e gústame sorprender coas miñas historias...", e nós quedamos sorprendidos, sobre todo, pola súa naturalidade e pola sinxeleza coa que nos falaba duns relatos nos que a complexidade e as proporcións humanas son tratadas dun xeito tan imaxinativo e rico.

A arte, as súas viaxes e vivencias, a súa vida cotiá como escritor, os xérmolos e as inquedanzas que xa lle inspiran futuros libros e ata o contido da súa próxima novela, xa a piques de se publicar, tamén encheron a súa conversa co grupo do club.

Agradecidos  pola túa visita!















Comentarios

  1. Agradabilísima conversa cun escritor ben humano, coa cabeza nas nubes e os pés ben chantados na terra. Momentos coma os que con el compartimos e lecturas coma a que el nos regalou semellan ser, nos tempos que corren, urxentes e moi necesarias.
    Está mañá de domingo na que acompañei o café quente coas noticias do 24 horas fiquei atónita ao escoitar o titular de que hai xa máis de 10.000 nenos desaparecidos (vítimas, a maioría, das mafias) desque comezara a chegada de refuxiados a Europa. 10.000 nenos desaparecidos! Tras o arrepiante dato a presentadora chamou a atención dos telespectadores cara a fermosa imaxe que viña a continuación: a da "caída do anxo que inauguraba o Carnaval de Venecia na que, como é tradición, unha das mulleres máis fermosas de Italia vestida coas máis refinadas teas descende áxil e delicadamente suspendida no aire mediante unha grúa". Daquela a min éntrame o noxo que me remexe as tripas e invádeme o pánico: será que sen termos estado nunca no exquisito restaurante parisino onde se desenvolve o relato de "Lily" nos estamos convertendo no seu espello, no seu vivo retrato? Será que nos estamos "alilyzando"?
    Grazas, Xesús Constela, por poñer un punto de cordura tan necesario nun mundo no que o bombardeo desde os propios medios de comunicación parece querer desensibilizarnos... Oxalá os nosos alumnos se impregnasen das túas historias e oxalá que nós, os docentes do Milladoiro, poidamos orientalos cara a esa outra humanidade.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

OS AVENTUREIROS... Na torre da princesa