1º ENCONTRO COAS "HUMANAS PROPORCIÓNS"

O venres 13 de novembro tivo lugar o primeiro encontro dos alumnos do club de lectura de 1º bacharelato para falar sobre a lectura deste trimestre "As humanas proporcións" de Xesús Constela Doce. Os relatos dos que falamos nesta ocasión foron LILYGEOGRAPHOS ALGARISMOS. 

Estas son algunhas das reflexións que xurdiron durante a conversa na que todos os alumnos deron os seus puntos de vista:

LILY
Crítica das actitudes superficiais e frívolas dun grupo de "amigos" reunidos nun suntuoso banquete, das súas mostras de vaidade e indiferenza ante morte allea, aínda que suceda ao seu mesmo carón. Impactante relato que crea unha profunda imaxe metafórica que é lamentablemente extrapolable á actual vida cotiá  na que tamén convivimos coa morte allea sen case inmutarnos. Reflexiona sobre a frialdade e a falla de escrúpulos; os personaxes poden estar describindo as escenas máis pavorosas mentres cean con calma e xactancia.

GEOGRAPHOS 
Relato orixinal e surrealista, cun final inesperado, imaxinativo e que mestura a fantasía con curiosas sensacións e sentimentos reais. Visibiliza a constante interacción dos fenómenos naturais coa vida humana.

ALGARISMOS
Reflexiona sobre a presenza dos números na vida cotiá, vida totalmente marcada polos números/horarios que nos converten en seres sen liberdade. A procura da liberdade que a protagonista atopa cando chega ao seu fogar é o que da sentido aos números que marcan e restrinxen a súa xornada.

O próximo venres 20 de novembro no 1º recreo continuaremos coa obra elixindo un relato cada un e coméntandollo aos demais membros do club.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Pepetela: A montanha da água lilás