Lectura de Contos de soños e sombras e encontro co seu autor, César Ariza Piñeiro - Club de 4ºESO
Con Contos
de soños e sombras do escritor César Ariza Piñeiro, editado por Urco Editora, iniciamos este ano o club
de lectura de 4º de ESO.
Neste libro, moi
ameno e de lectura áxil, puidemos gozar con relatos inquietantes que xiran
arredor dos soños e das obsesións; relatos de almas feridas que volven do alén
para vingarse ou para levarnos con elas; historias metafóricas sobre a
represión exercida polo poder ou un coidado relato sobre a transmutación das
almas. Algúns con final pechado, outros con finais abertos que nos presentan
dilemas morais e algún con final sorprendente como é o caso dun dos nosos
relatos favoritos do libro: A rapaza do
meu soño.
O 17 de xaneiro
analizamos algúns dos relatos do libro na primeira xuntanza do club e o 27
visitounos o escritor.
Agradecémoslle a
César a cordialidade e que fixese unha paréntese na súa actividade laboral para
poder desprazarse ao noso instituto. Agradecémoslle tamén á editorial Urco que
nos xestionase a visita que fixo posible esta especial sesión do noso club de
lectura.
Deixámosvos aquí
unha pequena mostra dalgúns dos nosos relatos favoritos de Contos de soños e sombras
para que vos animedes a lelos:
(Xamais voltarei ao pazo)
...e na cociña, xunto ao cadáver dunha moza, atoparon o corpo sen vida dun home, recostado contra a neveira, co ollar perdido no infinito e a gorxa e a boca tupidas por centos de billetes de 100, 200 e 500 euros.
(Crime non moi perfecto)
Debería darvos vergoña, xustificar a barbarie que fixeron os guerreiros e condenar o pequeno trasno e o piñeiro, que foi o único que se comportou dun xeito nobre... Sodes uns... Bah!
(A lenda do pequeno trasno)
-Sei o que estás a pensar, Rodrigo – dixo o conde-, pero antes de que me craves o puñal escoita o que che vou contar e entenderalo todo...
Sei que non entendes do que che falo porque non quixeches aprender dos libros que tantas veces che mostrei. Neles están escritas cousas que che serían de moito proveito ao longo da túa vida, pero máis ignorante que o que non sabe é quen non quere aprender –e o conde continuou o seu relato malia a indiferenza de Rodrigo...
(A daga e o perganiño)
Comentarios
Publicar un comentario